martes, 5 de junio de 2012

Novo premio do sector profesional norteamericano para o Godello DO Valdeorras de adega A Coroa



 A Coroa 2011 recibe unha medalla de prata no concurso The Best Spanish Wines for Usa, un certame celebrado en Miami Beach e que segue o ronsel do Challenge to the Best Spanish Wines for Asia, celebrado en 2011 en Hong Kong.

Se hai apenas uns días importantes críticos do sector profesional do viño estadounidense encumbraban ao godello como gran promesa de España no sector vinícola internacional, onte chegaba outro novo recoñecemento que outorga prevalencia ao gran prestixio que os viños DO Valdeorras posúen no mercado norteamericano.

De novo o godello de adega A Coroa, que tras ser cualificado como o mellor godello comercializado en EEUU por The New York Times, convértese no gran embaixador dos viños galegos en norteamérica, alzándose cunha medalla de prata no concurso The Best Spanish Wines for USA.

Este galardón únese aos seguintes recibidos por adega A Coroa en 2012: medalla de Ouro e Prata en International Wine Challenge Catavinum , medalla de prata no Concurso Internacional de viños de Lyon, Bacchus de prata 2012, premio á excelencia en Select Wine Challenge ProWein 2012 e o Tender do monopolio do mercado de Suecia.




O xurado deste certame estivo formado por 20 xuíces, entre os que se figuraron importadores, distribuidores, catadores e compradores para hostalaría. Todos eles participaron nunha cata a cegas dun total de 136 viños procedentes de distintas denominacións de orixe.

Entre os membros do comité de cata hai que destacar a presenza do catador xefe do hotel Ritz Carlton Florida, Jorge Mendoza; do director xeral de Terra Spania Wines, Antonio Gómez; ou de César Basurto, comprador da recoñecida importadora Southern Wines. O presidente do xurado foi o director de Compras de Bebidas do Hotel St. Regis Miami, o establecemento anfitrión.

 O éxito de convocatoria conseguido nesta primeira edición asegurou a súa continuidade e a segunda entrega do Challenge estadounidense terá lugar en abril do próximo ano, con expectativas de "aumentar o número de viños participantes, todos eles cunha excelente relación calidade-prezo", segundo informaron os organizadores.

Para facer patente a importancia do mercado norteamericano no sector vinícola internacional, non hai máis que ollar os datos que nos chegan do informe elaborado por Vinexpo e a lnternational Wine & Spirits Research (IWSR), no que se recolle que o pasado ano en EEUU consumíronse 2.800 millóns de litros de viño, unha cifra que sitúa ao país norteamericano por diante de potencias como Francia e Italia. Ademais, as perspectivas de crecemento son do 10% até 2015.

Esta nova condecoración non fai máis que reafirmar o gran prestixio que os viños DO Valdeorras lograron a nivel internacional e que, segundo datos dos expertos, seguirá crecendo nos próximos anos para reafirmar a màxima cada vez máis estendida que cualifica aos caldos desta DO como "a revolución enolóxica do século XXI".

No hay comentarios:

Publicar un comentario