lunes, 14 de mayo de 2012

A adega Alan de Val cativa aos asistentes coa súa xornada de Gastrosexología

 A firme aposta das adegas valdeorresas polo enoturismo viuse ratificada o pasado venres cunha xornada de Gastrosexología celebrada na adega Alan de Val e guiada pola sexóloga Mónica Novas.

Unha trintena de asistentes puideron gozar dunha suxestiva e orixinal xornada de enoturismo onde, ademais de descubrir os segredos eróticos da gastronomía valdeorresa, puideron degustar a alta calidade dos viños e licores que produce a adega Alan de Val.

Dentro dun marco teórico-práctico no que a sexóloga Mónica Novas descubriu os segredos gastronómicos que dotan a certos pratos dun marcado toque erótico, a empanada de Costrelas, prato típico da rexión, foi a gran protagonista dunha sesión na que se puideron degustar dende mexillóns de O Grove até queixos, bica, castañas ou trufas.


Segundo a sexóloga: "Na empanada de costrelas o maior desexo sexual garda relación cos preparativos previos á degustación deste prato, todo un ritual que diferencia esta variedade do resto de empanadas , pois obriga a separar as tapas para poder saborear as 'costrelas'. Estes movementos e o picante empregado para aderezala fan que produza máis pracer que unha empanada normal".

 En referencia ao picante do aderezo Mónica alude que "o picante estimula os receptores da calor e o cerebro envía endorfinas para que non doa e estas son as mesmas que estimulan o sexo".


 O acto mostrou a firme aposta polo enoturismo que presenta a adega Alan de Val e serve como complemento ás ofertas propostas na súa Web. Ademais, este acto serviu de elemento dinamizador á próxima xornada de portas abertas que as adegas DO Valdeorras celebrarán o próximo 26 de maio e onde os asistentes que así o desexen poderán visitar as instalacións e degustar os caldos das adegas que conforman a DO de forma gratuíta.




No hay comentarios:

Publicar un comentario